Friday 10 de May de 2024

O bo tempo acompañará a Feira da Faba de Moeche


O evento terá lugar este sábado durante toda a mañá no recinto de San Ramón
O Concello de Moeche organiza desde hai tres anos a Feira da Faba como xeito de reivindicar o potencial socioeconómico do rural e de dinamizar o entorno de San Ramón, que acolle un calendario estable ao longo do ano de feiras e mercados vinculados co sector primario. Nesta terceira edición, a Feira da Faba de Moeche presenta dúas grandes novidades: o evento adiántase un mes -o ano pasado foi en novembro- e faise coincidir co Mercado de Moeche dos sábados pola mañá. A área de Desenvolvemento local busca desta maneira que a feira se consolide por si mesma e, de paso, que anime aínda máis o mercado semanal. As previsións meteorolóxicas apuntan a que teremos unha mañá de nubes e claros que lle dará paso a unha tarde despexada, polo que se agarda que a feira conte con numeroso público.

O programa completo da III Feira da Faba de Moeche arrancará a iso das 10.30h. coa apertura dos os expositores con fabas á venda de todas as clases. Asistirán produtores e produtoras da cooperativa Terras da Mariña -con fabas acollidas á IXP Faba de Lourenzá-, Fabas Basanta, Legumes e fabas Sanjurjo e a empresa especializada en conservas vexetais Acastrexa, radicada na reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Os puntos de comercialización do legume estarán rodeados nesta cita doutro tipo de oferta, como é o caso dos chocolates de Bombóns Moreno, o mel das Grañas do Sor, a artesanía con plana do millo das Lolas da Cascarilla -San Sadurniño- e as manufacturas en coiro de Ana e Marcus, procedentes do veciño municipio das Somozas. Ao longo da xornada tamén poderemos ver distintos tipos de cestos tecidos nos obradoiros da Asociación veciñal do Val de Moeche, quen mantén aberta durante todo o ano a posibilidade de aprender este oficio tradicional.

A feira contará, ademais, con propostas paralelas que buscan animar o evento. Así, ás 12.00h. actuará a agrupación de baile Alxibeira, nacida en 1986 ao abeiro do Padroado da Cultura do Concello de Narón. Ofrecerán varias pezas do repertorio tradicional recollidas nalgúns casos polo propio colectivo, que acode a Moeche dentro da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Media hora despois, ás 12.30h., comezará o obradoiro para a rapazada “A pousada dos insectos”. Trátase dunha acción de aprendizaxe a través do xogo para que as nenas e nenos vexan a importancia de cultivar a terra respectando a biodiversidade. A actividade -que durará arredor de hora e media- é gratuíta e as inscricións deberán facerse no recinto do mercado.

Degustación
Ademais de ofertar moita variedade de faba, a feira tamén dará opción de probala. A asociación veciñal de Labacengos servirá das 12.00h. en diante racións de fabada ben cumpridas por tan só 3€. Pola súa banda, Acastrexa tamén dará a proba dunha hamburguesa vexetal elaborada con faba de ril, unha variedade procedente da comarca coruñesa das Mariñas que a firma está recuperando.

No entorno do mercado e da III Feira da Faba de Moeche tamén se poderá xantar polbo e churrasco e os bares e restaurantes próximos incluirán nos seus menús de comidas e petiscos elaboracións co legume protagonista do evento.